Tamén estamos presentes e contamos con representación no municipio de Fisterra.
As persoas que conforman a agrupación de Alternativa Enxebre no municipio de Fisterra, levan desde o ano 2023 traballando activamente en defensa dos intereses do municipio de Fisterra e de toda a súa veciñanza. Ademais, a persoa que nos representa no pleno da corporación municipal, o concelleiro non adscrito Francisco Martínez Traba é, xunto con outros homes e mulleres, un dos promotores e fundadores da formación política Alternativa Enxebre.
Francisco Martínez Traba presentouse como candidato ás pasadas eleccións municipais no municipio de Fisterra para acabar coa corrupción existente e para cambiar as malas e erróneas políticas que se veñen facendo durante décadas no Concello de Fisterra. Pero, logo de alcanzar e de chegar ao Goberno contra todo prognóstico, sufriu a maior das traizóns por parte dos dous “compañeiros” de candidatura que o acompañaban no grupo municipal e no equipo de Goberno, xa que estes aliáronse coa dirección do partido polo cal se presentaron ás eleccións para expulsalo do goberno municipal, para tentar con esta manobra parar o traballo desenvolvido por Francisco Martínez e, principalmente, para tentar impedir así que continuase coa súa incansable loita contra a corrupción e coa defensa dunha administración publica legal, honrada e transparente.
Aliáronse e expulsárono do Goberno pero, por suposto, non puideron parar o seu traballo como concelleiro nin tampouco a súa loita para acabar coas graves irregularidades e ilegalidades que existen no Concello de Fisterra. Na actualidade Francisco Martínez forma parte da corporación municipal como concelleiro non adscrito, onde segue traballando dende a oposición de xeito incansable por Fisterra e polos seus veciños, contando co apoio e coa axuda dos compañeiros e compañeiras leais.
É importante destacar que durante o ano que o concelleiro Francisco Martínez Traba foi membro da Xunta de Goberno e Tenente de Alcalde, grazas ao seu importante labor e a unha rigorosa e eficaz xestión das áreas de goberno que tiña delegadas, conseguiu nun tempo récord logros tan importantes como a firma do convenio con Portos de Galicia para poder executar as obras de renovación do firme da Rúa Federico Ávila e poder levar a cabo a humanización de toda a fachada portuaria, a cal xestionou e executouse en menos de dous meses; mellorar a seguridade viaria e peonil na recta da Anchoa; xestión e elaboración das ordenanzas reguladoras de vías municipais e de caravanas, que foron as dúas aprobadas polo pleno municipal; planificación e reorganización das zonas de aparcamento na fachada e na zona portuaria; creación de biblioteca e zona de lectura no Centro Social de Vilar (Antiga Escola); dinamización da vida deportiva e cultural municipal; clasificación e organización de toda a biblioteca municipal, do mesmo xeito que a dinamización da mesma coa posta en marcha de múltiples actividades para os nenos e nenas; e un longo etcétera de avances e melloras conseguidas nun só ano no goberno.
Tanto Francisco Martínez como os compañeiros e compañeiras que agora forman Alternativa Enxebre de Fisterra, sempre tiveron moi claro e moi presente o lema: Legalidade, Honradez e Transparencia. Que ven sendo o lema de Alternativa Enxebre, do cal precisa máis que nunca o Concello de Fisterra.